A revista Fortune vén de publicar unha listaxe que recolle as que segundo os cidadáns en disposición de sen empregados daquel país son as mellores empresas para traballar en EE UU. Nesta clasificación, o buscador líder en Internet, Google, resultou vencedor indiscutible. Algo que en realidade non é de estrañar, pois dadas a características dos postos de traballo relatadas polos autores da reportaxe, Google, máis que remunerar ós empregados, digo eu que ben podería cobrarlles polos servizos emprestados e polas comodidades ofrecidas, entre as que podemos salientar as seguintes, entre outras moitas: servizos de lavandería, limpeza en seco e reparacións mecánicas para o automóbil; un spa con piscina, comida gourmet, masaxes no lugar de traballo e ata médicos de balde na mesmísima oficina.

A empresa de biotecnoloxía Genentech, que o pasado ano resultou vencedora neste ranking, ocupa o segundo posto na que é a décima edición das 100 mellores compañías nas que traballar, elaborada polo (traducido á nosa lingua) Instituto do Bo lugar para Traballar de San Francisco e baseándose nas respostas de 105.000 empregados de 446 firmas.
E é que se se fan enquisas para todo, ten que haber competencia para todo. Xa nos gustaría a moitos que en España tomasen bo exemplo e as empresas competisen entre elas por ofrecer o mellor posto de traballo do estado, con garderías infantís no lugar de emprego e con anos sabáticos completamente pagados para os empregados (algo que, aínda que semelle unha utopía, xa ofrecen 22 das 100 mellores empresas americanas seleccionadas por Fortune).
Moitas das firmas que forman parte da escolma páganlle ós seus empregados entre un 50 e un 100 por cento máis cá media do mercado, pagan a cobertura sanitaria total dos traballadores ou ofrecen horarios flexibles axeitados ás súas necesidades. E incluso das 100 finais, 82 ofrecen a posibilidade de traballar dende a casa, mais, pensándoo ben, quén quere traballar dende a casa tendo un spa na oficina?
