Nestes días bisagra (finais dun ano, principios do seguinte), a vida semella que se divide por unha banda entre facer reconto dos mellores personaxes e inventos dos pasados doce meses e, pola outra, en prognosticar o máis salientable dos vindeiros.
E así se nos vai pasando o tempo, xogando a adiviños e a historiadores e atopando na Web o espazo ideal para as nosas teimas. Case tódalas escolmas atopadas estes días teñen un denominador común: céntranse en seres humanos.
Tivo que ser Zerovacas en Chuza! quen sinalara co dedo un blog catalán (Busot) que marca a diferenza. Por que? Porque nesta bitácora foi elixido como personaxe do ano o oso Mitrofan, espécime de plantígrado tristemente fam(oso) por ter falecido dun disparo real como a vida mesma: o de Xoán Carlos I.
O obxectivo da iniciativa é dobre: por unha banda dar un xiro de 360º na nosa teima de premiarnos a nós mesmos como especie (mais é probable que non teñamos nada que premiar, tendo en conta o noso ronsel de polución, guerras e autocomplaciencia) e, pola outra, reivindicar a figura da vítima, practicamente esquecida xa nos medios de comunicación.
O certo é que “o gran público catalá”, dise no blog, “descoñece o caso, razón pola cal Busot vai aproveitar a homenaxe ó plantígrado para unha relación dos feitos”. O artigo remata deste solidario xeito: “Todos somos Mitrofan”.
O oso Mitrofan, personaxe do ano no blog catalá Busot
Compartir Este Artigo
