Este era o reclamo que figuraba nun cartel que baixaba hai uns días polo Preguntoiro de Compostela: “Ofrécese mozo agarimoso”. Debaixo do cartel, carrexándoo, tres ou catro rapaces de idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos, seguindo o seu camiño sen máis, coma se o cartaz fose simplemente unha pequena variación do vestiario ou do peiteado.
O caso é que por un carreiro semellante a ese van baixar o día 27 de xaneiro na Coruña os convocados na Rede a través da canle galega Ingobernable, entre outras webs, blogs e demais para participar nunha nova sesión de Apertas Gratis na nosa terra. En realidade, trátase dunha segunda quenda moi axeitada para todos aqueles que non puideron acudir á cita inmediatamente anterior, a que se organizou a nivel mundial o día 30 de decembro a través de Abrazosgratis.org, Free-hugs.com, e noutras comunidades na W0eb. Polo que respecta á Coruña, a sede de operacións será o Obelisco, a partir das 19 horas.
Os participantes alí reunidos con cadanseu cartel de “Apertas Gratis” ou semellante, desenvolverán por varios espazos da cidade o seu labor de acción colectiva: repartir agarimo e sen que exista transacción económica nin por asomo.
Cómpre sinalar que Apertas Gratis (movemento Free Hugs, en inglés) ten a súa orixe en 2001, cando a Jason Hunter lle morreu a nai, unha muller que achegaba apertas á xente e amor a quen tivera ó seu alcance, viñese de onde viñese, tivese os cartos que tivese e fose da raza que fose.
A partir de aí, e coa axuda de varios personaxes que e entraron en escena en diferentes partes do mundo (personaxes como Juan Mann, que como tantos outros se atopaba só no mundo e cunha necesidade que o queimaba de achegar e recibir agarimo) e servizos das novas tecnoloxías da información como YouTube, fóronse poñendo os alicerces dun movemento ou rede social que probablemente nunca chegaría a ser como é sen o “apoio” da Sociedade da Información.
Un movemento que vai encamiñado a loitar, na medida do posible, contra o paradoxo fundamental do mundo moderno: cantos máis somos e máis comunicados estamos, máis nos convertemos en illas.
Nova convocatoria na Web para repartir apertas de balde na Coruña
Compartir Este Artigo
