O HD DVD Promotion Group, entidade encargada de promover o novo formato de Toshiba no mercado, fixo públicos na pasada feira CES de Las Vegas os primeiros datos sobre o lanzamento comercial do reprodutor HD DVD e dos primeiros títulos estreados neste formato con capacidade de 51 GB de datos e ata 7 horas de vídeo de alta definición. Segundo este grupo de empresas, ata xaneiro deste ano tiñan prevista en Estados Unidos unha produción para a venda de máis de 175.000 dispositivos, cifra que acadará os dous millóns e medio antes de finais de 2007, e que é 40 veces superior á acadada en 2006. Baseándose nestes datos, e xunto cos de Nielsen e cos informes dos distribuidores, as previsións dos estudos que promoven o HD DVD indican que cada usuario adquirirá unha media de 28 películas, polo que o volume do mercado de producións neste formato superará con moita marxe os 450 millóns de euros ó longo de 2007.
Para dar soporte a este desenvolvemento de Toshiba, os estudos cinematográficos e os distribuidores que apoian o novo disco (máis de 41 en todo o mundo) anunciaron de xeito colectivo o lanzamento ó mercado norteamericano de máis de 300 novos títulos de películas en HD DVD, e de máis de 600 en todo o mundo.
Entre as compañías que xa dispoñen dunha lista de lanzamentos destacan Universal Studios Home Entertainment, Genius Product Inc., The Weinstein Company Studio Canal e Bandai Visual, unha das maiores compañías de animación a nivel mundial.
