A empresa galega Loroestudio especializada en aplicacións java para móbil e TDT, segue a dar pasos no sentido de conseguir que os nosos terminais sexan cada vez máis útiles. É dicir: que non sirvan só para facer e recibir chamadas ou para botalos á parede cando nos alporicemos. Neste senso e grazas a esta firma de Ferrol, agora tamén van servir para que vexamos os encontros da Recopa de Fútbol Sala que se está a celebrar en Santiago (co Lobelle de anfitrión). Segundo informa a empresa galega, trátase dunha aposta innovadora do Campeonato de Europa de Clubes Campeóns de Fútbol Sala e que vai facer posible que entre os días 25 e 28 de xaneiro Loroestudio achegue os partidos da dita competición ós teléfonos dos seareiros.
A aplicación desenvolvida por esta empresa porá a disposición dos usuarios catro seccións temáticas e/ou funcionais nas que se incluirán novas, fotos, titulares salientables e información variada sobre horarios, resultados, clasificacións e equipos. Asemade, os seareiros tamén poderán acceder a enquisas acerca de diversas votacións: mellor xogador, mellor equipo, etc. Os interesados en ter no seu móbil esta aplicación poden consultar como facelo na web do Club Lobelle de Santiago.
Loroestudio leva ós móbiles os partidos da Recopa de Fútbol Sala
Compartir Este Artigo
