
A Asociación Española da Economía Dixital (Adigital) presenta Soy Yo, unha plataforma de balde que permite comprobar se un número de teléfono pertence a unha empresa rexistrada e coñecer a súa identidade. A iniciativa pretende combater as chamadas fraudulentas e o correo lixo telefónico, ademais de facilitar que os usuarios respondan ás comunicacións lexítimas sen temor a caer nunha estafa.
A plataforma conta xa coa adhesión de máis de 30 empresas dos sectores enerxético, bancario, asegurador e da formación, así como de centros de atención telefónica e axencias de mercadotecnia dixital. En conxunto, estas entidades concentran case o 90 % das chamadas comerciais e de atención á clientela que se realizan en España. Soy Yo está aberta á incorporación de novas empresas e entidades que queiran rexistrar os seus números de teléfono e participar na iniciativa.

O funcionamento de Soy Yo baséase no rexistro dos números de teléfono empregados polas empresas adheridas para contactar cos seus clientes. Cando un usuario recibe unha chamada e quere comprobar a súa procedencia, só ten que introducir o número na web soy-yo.es. A plataforma indica de inmediato se está asociado a unha empresa rexistrada e, de ser así, amosa o seu nome.
A partir do sábado as chamadas comerciais empregarán o prefixo 400
A ferramenta complementa os cambios normativos que entran en vigor o 17 de outubro. A partir desa data, as chamadas comerciais deberán realizarse desde números que comecen por 400, mentres que as de atención á clientela deberán empregar numeracións que comecen por 800 ou 900, ou números xeográficos. Estes prefixos permitirán distinguir a finalidade da chamada, pero non identificarán necesariamente a empresa que está detrás nin garantirán que a comunicación sexa lexítima. Soy Yo incorpora esa comprobación adicional.
Outras iniciativas de Adigital
A iniciativa súmase a outros servizos impulsados por Adigital para fomentar prácticas responsables nas comunicacións comerciais. Entre eles figura a Lista Robinson, un servizo gratuíto que permite aos cidadáns reducir a recepción de publicidade de empresas ás que non deron o seu consentimento, así como o selo Confianza Online, orientado á xestión de incidencias relacionadas coas compras a través da Internet.
