
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere ampliar no posible as opcións de diálogo e comunicación cos cidadáns e, tamén, cos propios colexiados. É nesta liña onde se sitúa a posta en marcha dun novo portal de Internet. Esta web ten unha dobre face. Por unha banda, está a parte pública, aberta a tódolos usuarios e na que se publican novas vinculadas á profesión e ós medios de comunicación e dossieres que tratan de maneira ampla e especificada temas de relevancia para os xornalistas. Pola outra, o portal presenta unha sección interna para os colexiados, unha intranet onde poden acceder ás comisións de traballo ou ós foros ou mesmo pendurar o seu currículo co fin de aproveitar posibles ofertas de emprego.
Asemade, neste espazo privado poderán recibir mensaxes, consultar ofertas do Colexio ou propoñer os casos na asesoría en liña. Cómpre salientar que o novo portal tamén vai encamiñado a converterse nun dos espazos web que representen na nosa terra o valor da liberdade de prensa e do traballo dende a independencia. Este espírito vén representado da man do xornalista José Couso, camarógrafo galego que perdeu a vida nos conflitos bélicos de Iraq. Esta figura senlleira no noso xornalismo ocupa un dos espazos máis importantes da web, a dos premios de Liberdade de Prensa que levan o seu nome e que chegan agora á súa terceira edición. A páxina dispón de información sobre o camarógrafo galego, amais das bases do certame, artigos de opinión e novas relacionadas co seu caso, sinala o Colexio. É nese espazo onde se poden facer chegar as candidaturas e levar a cabo as votacións.
