Yoigo, o cuarto operador de telefonía móbil en España, vén de anunciar que acadou máis de 78.000 altas dende o seu lanzamento a comezos de decembro do pasado ano, superando deste xeito as propias expectativas dos executivos.
Segundo afirmou o conselleiro delegado desta compañía acabada de chegar ó mercado da mobilidade, Johan Andsjö, cada día son máis de 1.000 persoas as que solicitan a alta na súa firma e asegurou que a empresa veuse beneficiada pola decisión dos seus competidores de incrementar as tarifas para compensar a desaparición do redondeo no pago das chamadas móbiles.
Yoigo tomou a decisión de non variar as tarifas vixentes polo que segue a cobrar 24 céntimos de euro polo primeiro minuto de chamada, fronte ós 38-40 céntimos dos seus competidores. Con esta estratexia, a filial española do operador nórdico TeliaSonera, agarda manter o actual ritmo de contratacións nos vindeiros meses e pechar o ano cun 380.000 clientes, o equivalente a unha cota de mercado do 0,8 por cento.
O obxectivo a longo prazo é máis ambicioso e consiste en acadar unha cota de mercado do 10 por cento en 2015. Polo de agora, e para comprobar a satisfacción dos clientes acadados, haberá que ver se o parón de telefonía móbil previsto para o vindeiro 1 de marzo tamén lle afecta a esta compañía ou se pola contra, os 78.000 aboados chaman “a monte” en agradecemento ó operador.
Yoigo supera os 78.000 aboados no que vai de ano
Compartir Este Artigo
