A Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) segue a ter no punto de mira as novas tecnoloxías da información como elemento indispensable para a calidade de vida das persoas con discapacidades. Nesta liña é onde se sitúa o acordo que vén de asinar coa Fundación Vodafone España co obxectivo de facilitar o acceso destes colectivos ó mercado de traballo, neste caso a través do Programa Vodafone para a Inserción Laboral de Persoas con Discapacidade. Os fins desta iniciativa, segundo informa COGAMI, son informar, asesorar, formar e capacitar para o emprego a 100 persoas que estean hoxe en situación de desemprego nas comarcas das sete principais cidades galegas e nas bisbarras limítrofes, “así como inserir laboralmente ó 50% dos participantes”.
Segundo a Confederación (que ten na súa web un apartado específico para contactar con empresarios que poidan achegar postos de traballo), as perspectivas futuras coa axuda de Vodafone son boas, xa que a plataforma galega parte dunha situación de 465 persoas inseridas no eido laboral na área de Santiago en 2006.
Destas insercións, sinala COGAMI, 130 (o 28%) corresponden a centros especiais de emprego e 335 (72%) á empresa ordinaria. Amais, estas cifras constitúen un incremento respecto ás de 2005, no que se rexistraron 413 insercións. Estes datos foron achegados polo Servizo de Integración Laboral da Confederación (SIL).
COGAMI e Vodafone cooperarán na inserción laboral das persoas con discapacidades
Compartir Este Artigo
