Business Intelligence Lowndown, unha entidade na que (polo nome) semella que os seus membros saben sempre en que empregar o seu tempo de lecer, vén de meterse a fondo nas circunstancias actuais de Internet co fin de coñecer cales son de verdade os pesos pesados das bases de datos. Ou sexa: cales son os que acaparan en maior medida o ouro dos nosos días, a información? A procura tivo o seu froito, e xa sabemos a identidade destes dez campións dos díxitos amoreados. Por Estados Unidos e no que respecta a organismos oficiais, temos a Biblioteca do Congreso (con 20.000 xigabytes) ou a CIA. Seguidamente, o estudo de BIL sitúa servizos de emprego común como Amazon (con 59 millóns de clientes e un inventario de 42 terabytes), YouTube (con 45 terabytes en agosto) e Google, que probablemente (non se sabe seguro) teña un par de centos de terabytes nos caixóns dos seus armarios. Entre estes dez cracks da información tamén atopamos firmas do sector das telecomunicacións como Sprint ou AT&T. Tamén é de salientar o caso de Choice Point, que semella o detective privado con máis petos na gabardina de Estados Unidos, tales son os datos que ten dos cidadáns daquel país, incluídos números de teléfono ou notas de historiais delictivos.
Sexa como sexa, os postos máis importantes do ranking foron dar a organismos científicos, como o National Energy Research Scientific Computing Center, que está no segundo lugar da listaxe con 2.800 terabytes de documentos sobre enerxía atómica ou as orixes do universo, volume de datos que para xente como Stephen Hawking non semella ter moita complicación pero que para o resto dos mortais abondaría para mandarnos dereitos para a cama e con migrañas.
No primeiro posto está o Centro Mundial de Datos para o Clima, con 220 terabytes de datos accesible, 110 de simulación do clima e, a maiores, seis petabytes de datos en cintas magnéticas.
Vímolo en Baquia.com.
Business Intelligence Lowndown dá a coñecer ós pesos pesados da información no mundo
Compartir Este Artigo
