Chámase Galicia 21 e é unha revista sobre estudos galegos que non está a pórse en marcha dende a nosa terra nin tampouco vai ser publicada en papel, senón na Rede. En realidade, os responsables deste proxecto traballan ben lonxe de Galiza (o que non significa que non a teñan ben en conta e que non estean fortemente comprometidos con dala a coñecer a afondar na súa cultura), concretamente dende a Universidade de Stirling e a de Bangor, onde desenvolven o seu labor Craig Patterson e máis Helena Miguélez, respectivamente. Galicia 21, que está en preparación e que sairá oficialmente ó mundo virtual en outubro do vindeiro ano, tocará moi diversos temas relacionados cos estudos da nosa terra. En palabras dos seus responsables, “os debates e as discusións centradas na temática que atinxe ós estudos galegos ocuparán un lugar especial dentro da publicación, co obxectivo de fomentar ligazóns con ámbitos e enfoques veciños”.
Cómpre sinalar que o comité editorial estará integrado por profesores de dez universidades de Europa e Estados Unidos, ficando abertas dende este mesmo intre as canles para enviárenlles propostas, suxestións e artigos para o primeiro número. O abano da temática é amplo (sociolingüística, historia cultural, estudos e tradución á filosofía, mercadotecnia, historiografía, postcolonialismo ou ata estudos de xénero), co único requisito de que os textos xurdan dun alicerce galego. A revista estará dispoñible na Rede de balde, e será unha publicación anual. Os artigos poderán ser enviados en galego e en inglés, os seguintes enderezos:
· Dr Craig Patterson: craig.patterson@stir.ac.uk
· Dr Helena Miguelez-Carballeira: h.m.carballeira@bangor.ac.uk
Para procurar máis información e as normas de publicación, está dispoñible a seguinte web:
http://www.bangor.ac.uk/ml/galician/Galicia_21.php
Galicia 21: novo proxecto de revista en liña de estudos galegos
Compartir Este Artigo
