Facer chamadas telefónicas sen necesidade de facer horas extra pola noite ou buscar un traballo adicional para pagar as facturas é posible. Un dos servizos do que máis se está a falar nos últimos tempos (co permiso de Skype, claro) é un que ten nome de personaxe de filme fantástico do cine dos oitenta e de gratas lembranzas. Falamos de Gizmo Call, un programa de voz sobre IP que corre dende unha páxina web e que é compatible con Windows, Linux e Mac, logo da instalación dun plugin. O servizo requírenos datos para efectuar un rexistro e unha vez feito isto poderemos chamar a teléfonos de todo mundo, sexan fixos ou móbiles, e a prezos razoables, aínda que estes varían dependendo do país no que nos atopemos (en España e México, por exemplo, as tarifas son moito máis elevadas ca en China).
Estes días, co fin de facerse coa meirande cantidade de clientes, Gizmo Call está a botar a seguinte carnada: dez minutos de conversa de balde, chames a quen chames. Segundo quen o puído probar, ó principio son comúns abondo os problemas relacionados coa actualización do plugin, pero a contrapartida é ben substanciosa: boa calidade de son (sempre que evitemos o condeado acople) e uns prezos de chamadas a fixos que son aínda máis reducidos cós de Skype.
Pixel e Dixel recolle estes días a relación de tarifas (cómpre tela en conta):
· España: 0,25 $/min. a móbil, 0,02 $ a fixo.
· EE UU: 0,02 $ a móbil e fixo.
· México: 0,32 $ a móbil e 0,09 a fixo
· Arxentina: 0,21 $ a móbil, 0,03 a fixo
· China: 0,018 a móbil e a fixo
· Reino Unido: 0,21 a móbil, 0,02 a fixo
Gizmo Call: chamadas a baixo prezo e dez minutos de conversa como agasallo
Compartir Este Artigo
