A empresa galega LambdaStream vén de por en marcha dúas canles de televisión por Internet. Trátase de www.canaldeportivo.tv (do Deportivo da Coruña) e máis www.coruna.tv (do Concello da Coruña), e ámbalas plataformas significan o chouto definitivo da firma con sede en Elviña ó mercado dos contidos audiovisuais na Internet, paso co que aspira a converterse en provedora líder, segundo sinala nun comunicado, e tanto a nivel nacional como internacional. De feito, comenta a empresa, neste intre está a manter contactos con diferentes subministradores de contidos para pór en marcha máis canles de televisión en liña nos vindeiros meses. Polo que respecta ás devanditas canles xa operativas, lembrar que a primeira delas xa rexistrou 40.000 visitas ó longo do seu mes de andaina, cun tempo medio de visionado por usuario de 10 minutos (estando o tempo medio de tódalas webs con televisión que hai no mundo entre 5 e 15 minutos).
No que se refire á plataforma co Concello da Coruña, cómpre lembrar que se trata dunha canle na que o goberno da cidade achega información variada sobre a cidade, novas, eventos e os seus servizos públicos. Para Jesús Fernández, director comercial da empresa, unha boa parte do futuro da televisión están sen dúbida algunha na Internet: “Todo o mundo quere ter a súa propia canle de televisión na Rede, e é un fenómeno que non para de medrar e que vai contribuír a mellorar o audiovisual mesmo e a cambiar para sempre a relación entre o emisor e o receptor”. E prosegue: “Todo aquel que dispoña de contidos audiovisuais poderá ter a súa propia canle de televisión”.
LambdaStream ampliará a súa oferta de canles de televisión en liña, logo da posta e marcha de canaldeportivo.tv e coruna.tv
Compartir Este Artigo
