O das poxas en Rede semella unha fonte inesgotable de información sobre vendas de obxectos frikis, e en moitos casos a prezos completamente desorbitados. Ou sexa: non é que non existisen dende sempre as subhastas de trapiños de actores míticos, pero Internet multiplicounas en calidade e en cantidade, e ó incrementarse o número de interesados, os prezos dispáranse. Ou sexa, que se temos na casa o pomo dunha porta na que Marilyn Monroe pousou a man esquerda, probablemente a Rede é o mellor que nos podía pasar para redondear ingresos. Isto máis ou menos é o que lle vén de acontecer ó internauta que ten depositado nun banco de Andorra o primeiro vinilo gravado por Frank Sinatra e que vén de ser posto en eBay para a súa poxa (que remata o venres). O seu prezo, para quen estea interesado, é inicialmente de sete millóns de euros.
Partindo da base de que hoxe en día todo disco de vinilo gravado e editado dos anos 70 cara a atrás é por si mesmo unha peza de coleccionismo, que se teña presentado unha gravación de Frank Sinatra do ano 1935 semella unha xogada segura para calquera que teña certo coñecemento sobre o mercado de antigüidades e trebellos de segunda man. Ou sexa: non faltará quen pague o que se pide. O caso é que o disco en cuestión gravouse no Hotel Waldorf Astoria de Nova York para o selo Columbia, segundo informa Europa Press. Tanto este detalle como o feito de que trate da primeira vez que Frank Sinatra rexistraba a súa xa mítica voz perante un micrófono (e cantando Stars in your eyes) e ó carón da Gran Orquesta de Xabier Cugat, contribúen certamente a facer desta peza de coleccionismo unha das grandes estelas da tempada no servizo eBay, amais dunha masiva campaña publicitaria de balde para esta casa de poxas en liña.
Piden sete millóns de euros en eBay polo primeiro vinilo de Frank Sinatra
Compartir Este Artigo
