Segundo sinala un estudo levado a cabo por Círculo Formación (firma especializada en consultoría do eido educativo), entre os asistentes á XI Feira Internacional de Estudios de Postgrao (celebrada o pasado 6 de marzo en Santiago de Compostela), a meirande parte dos estudantes composteláns (67,5%) aínda prefiren ficar á marxe de modalidades de formación a distancia ou en liña (a través das novas tecnoloxías), e inclínanse por estudos superiores de xeito presencial, a poder ser en centros de Santiago, Madrid ou Barcelona. Asemade, ata un 23,6 por cento dos enquisados decántanse por inscribirse nun master no estranxeiro denantes cá distancia ou en liña, segundo apunta o devandito informe. O informe tamén achega información sobre os contidos máis solicitados. Así os masters de Márketing e Comunicación (20,1 por cento), os programas MBA (19,2 por cento) e os masters especializados en Ciencias Sociais e Políticas (13,3 por cento) son os máis demandados polos universitarios composteláns, aínda que tamén se decantan por outros estudios de postgrao como os orientados ó Medio Ambente (12,2 por cento). Máis da metade dos asistentes ó certame de FIEP en Santiago de Compostela eran mulleres, un dato que revela a importante incorporación da muller ó mercado laboral, en igualdade de preparación e estudos có home. Por outra banda, a media de idade dos asistentes foi de 24 anos, o que significa que os universitarios prefiren facer estudos de postgrao nada máis rematar a carreira e non agardan máis dun ano para facelo logo de licenciarse.
Os estudantes composteláns prefiren aínda a formación presencial, segundo un estudo
Compartir Este Artigo
