Un lugar onde non se presenta nada que se presentase antes. Este ben pode ser un dos moitos xeitos posibles de dar a coñecer a mostra Imaxinaria de Vilagarcía, o Salón Internacional de Inventos e Innovación Tecnolóxica que organiza a Fundación Fexdega e que nesta edición 2007 (xa é a quinta) ficará de portas abertas do 4 ó 6 de maio, coincidindo coa Arousa Party. Trátase dunha xuntanza que é tamén unha exposición dos desenvolvementos daquelas persoas que, coa única axuda das mans e imaxinación, levan a cabo algún tipo de ferramenta, dispositivo ou trebello que non se fixera antes, e que (ademais) teña utilidade. Mais este ano a feira inclúe unha importante novidade: os organizadores están a encamiñala cada día máis cara ó eido científico e a innovación no eido das empresas e das institucións públicas. En definitiva, cara á Investigación e máis o Desenvolvemento (I+D), fórmula-binomio da que tanto se fala nos últimos tempos e que (a xulgar polas estatísticas) en Galiza e no estado español enteiro aínda non se leva á práctica tanto como se debería. Neste senso, non é de estrañar que Imaxinaria tamén vaia dirixida a activar na medida do posible o espírito de desenvolver o novo, de aí que a pretensión sexa convertela tamén en ponte entre os creadores e as empresas que estean dispostas a fabricar o prototipo ou a poñelo no mercado.
Zona expositiva para inventores, organismos e empresas
O salón inclúe zonas expositivas onde os inventores dan a coñecer as súas propostas e tamén incorpora un programa de conferencias e intervencións. Entre outras entidades de interese, estará presente (un ano máis) a Oficina Española de Patentes e Marcas, que vai concorrer coa finalidade de facilitar asesoramento a inventores e creadores que aínda non deron comezo ó proceso de rexistro da súa patente. Tamén contará cun stand propio o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), amais das universidades galegas. O programa tamén inclúe un certame de recoñecementos ás propostas máis salientables.
Para a os organizadores, é crucial (se cadra, hoxe máis que nunca) estimular con estes eventos a creatividade dos innovadores, tendo en conta as propostas que poden achegar en cuestións de tanta importancia como a mellora da calidade de vida das persoas ou a loita contra o cambio climático, a contaminación ou e mesmo as catástrofes naturais.
Un aire máis tecnolóxico
O feito de que este ano Imaxinaria coincida con Arousa Party Net tamén lle vai achegar un aire distinto ó salón dos inventos, con respecto ó que aconteceu outros anos. É dicir, non van ser dous salóns perfectamente delimitados, senón que un vai beber do outro: os mozos da party botándolle un ollo ás innovacións presentadas, ás conferencias e tamén ás presentacións e os asistentes á feira atendendo a temas como o software, fogar dixital ou novidades multimedia.
Datos ó voo que cómpre ter en conta
· O salón ten capacidade para máis de medio centenar de expositores, que ocuparán máis dun terzo da superficie da nave de exposición.
· A feira contará cun bazar con produtos xa fabricados.
· Ofrecerase unha exposición de inventos tradicionais con placas que identifiquen ós seus autores.
· Porase en marcha un programa de actividades para acompañantes do expositor que xira arredor de excursións pola bisbarra.
· Habilitarase un xurado para valorar os inventos de maior interese. Logo, celebrarase un acto de entrega de premios.
· Organizaranse relatorios e actividades formativas e informativas, amais dun curso de xestión da innovación na empresa.
· O horario do salón será o seguinte. Das 12.00 ás 21.00 horas.
O salón dos inventos Imaxinaria 2007 centrarase na importancia da I+D para as empresas
Compartir Este Artigo
