A Deputación de Ourense vén de ser nomeada finalista na segunda edición dos Premios Fundetec que convoca esta fundación, encamiñados a recoñecer os proxectos de entidades sen ánimo de lucro que contribúan ó afianzamento do emprego da Sociedade da Información entre os cidadáns. O organismo provincial galego, que concorreu nestes galardóns xunto con outras 100 entidades públicas e privadas dende 14 comunidades autónomas, foi seleccionado polo seu proxecto Pontes, baseado en bolsas e microcréditos de inclusión dixital dirixidos a colectivos con risco de exclusión do mercado de traballo. A listaxe de finalistas nesta segunda edición do Premios Fundetec, que serán entregados o vindeiro 20 de marzo en Madrid, quedaría do seguinte xeito:
-Finalistas na categoría Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa destinado a cidadáns: Fundación para a Integración de Discapacidades (polo proxecto HEADev); Fundación Ave María (polo seu Centro de Outsourcing Documental de Sitges) e Asociación Rexional de Universidades Populares de Estremadura (Cidadanía Dixital).
-Finalistas na categoría Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido a PEMES: Fundación Rede de Colexios Profesionais (polo proxecto Comercio Electrónico do Coñecemento), Fundación CTIC (pola súa Certificación Empresa Dixital) e Asociación Comarcal Gran Vega de Sevilla (polo seu proxecto Innov@rural).
-Finalistas na categoría de Mellor Proxecto de Administración Pública Destinado a Cidadáns: Axencia do Coñecemento e a Tecnoloxía de La Rioja (polo Plan Familia e Internet), Sociedade Estatal Correos e Telégrafos (pola Oficina Postal Virtual) e Deputación de Ourense (polo proxecto Pontes).
-Finalistas na categoría de Mellor Proxecto de Administración Pública dirixido a empresas: Asociación para o Fomento do Comercio Electrónico Empresarial – ANETCOM da Comunidade Valenciana (polo programa CompeTIC), Goberno de Asturias (polo Plan de Innovación do Autónomo en TIC, PIATIC) e Junta de Andalucía (polo programa Novapyme).
A Deputación de Ourense, finalista dos Premios Fundetec polo seu proxecto Pontes
Compartir Este Artigo
