
Esta política de despedimentos non é nova, xa que comezou a levarse á práctica hai aproximadamente un ano en Xetafe (120 traballadores atoparon as portas pechadas das oficinas onde desenvolvían o seu labor), Valencia (400 despedidos en abril do ano pasado), Barcelona, Córdoba e Sevilla. O obxectivo de Atento, que recoñece que os despedimentos son improcedentes, é (segundo apuntan os colectivos afectados) trasladar de xeito gradual os seus departamentos de atención ó cliente a países emerxentes como Perú, Marrocos, Brasil, México ou Venezuela.
A xuízo da Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarking en apoio do Comité de Empresa de Atento, “esta deslocalización non respecta os dereitos dos empregados nin a protección de datos dos clientes, ademais de constituír un abuso de confianza recibida por parte das institucións en forma de subvencións para formación e tendido telefónico”. A Coordinadora está neste intre a facer continuos chamamentos de apoio ós prexudicados entre colectivos laborais, sindicatos, institucións públicas, organizacións cidadás e mesmo entre os clientes da devandita empresa.
Para o secretario nacional da Federación de Telemárketing da CIG, Clodomiro Montero, non se pode permitir que o Goberno destine cartos públicos para subvencionar unha empresa que o ano pasado tivo máis de 6.000 millóns de euros de beneficios (un billón das antigas pesetas), e mesmo achegando solo público de balde para a habilitación de novos centros de traballo; e que logo a empresa afronte unha política de despedimentos e deslocalización como a que leva afrontando dende hai máis dun ano a través de Atento.
E todo isto, engade, coa autorización previa dun organismo dese mesmo Goberno para trasladar os datos persoais e financeiros, de millóns de persoas cara ó estranxeiro. E prosegue: “Atento-Telefónica está a reestruturar os centros de traballo de Valencia, Córdoba Madrid e acaba de despedir a 179 persoas na Coruña, deslocalizando a súa actividade cara a Perú e Colombia, entre outros países; pero é máis: esta deslocalización é posible despois de que a Axencia Estatal de Protección de Datos permitira a Atento-Telefónica trasladar as bases de datos de clientes a estes países”.
Continúan as protestas contra os 179 despedimentos de traballadores de Atento na Coruña
Compartir Este Artigo
