A gran aposta de Movistar dos xogos para móbil xa ten nome: Tomb Raider Legend, un produto que, como se pode deducir do seu nome, ten un dos principais reclamos no personaxe da aventureira e arqueóloga Lara Croft, interpretado recentemente no cinema por Angelina Jolie e agora, fóra das pantallas, pola modelo inglesa Karima Adebibe (na imaxe, en actitude que ten pouco de aventureira e menos aínda de arqueóloga). O de “gran aposta” non o dicimos por que si. De feito, a operadora está a definir esta descarga como o primeiro “megaxogo para o móbil da historia” e fai especial fincapé nas melloras que introduce, ata o de agora nunca vistas, sobre todo no que se refire á calidade dos gráficos en 3D. O xogo, que se comezará a comercializar en breve e en exclusiva pola empresa española, vén acompañado da posta en longo dun anovador formato de descarga que vai encamiñado a redondear a xogada da operadora.
Este novo formato ou tecnoloxía de Movistar chámase “Códigos Bidimensionais” e consiste en facilitar na medida do posible o acto da descarga. É dicir: en facer que os seus clientes traballen o menos posible.
Tanto é así, sinala a empresa de telecomunicacións, que só chega con achegar a cámara de fotos do terminal a un código de dúas dimensións para que se leve a cabo a operación. Este código pode aparecer en numerosas feituras, soportes e situacións, sobre todo en mensaxes vinculadas a publicidade de Movistar, que irán aparecendo en diversos medios de comunicación a partir deste 22 de marzo. “Para poder capturar os códigos bidimensionais dende o teléfono móbil, o usuario debe ter no terminal unha aplicación específica que poderá descargarse enviando a palabra BIDI ó 404 e logo, pasando a cámara polo código impreso poderá acceder ó xogo de Lara Croft”, sinala a operadora. Cómpre sinalar que o prezo do videoxogo é de 5,50 euros se a descarga vai pola canle de Symbian e de 3 euros para o resto das versións.
Movistar estrea co Lara Croft unha tecnoloxía de descarga baseada nos códigos de dúas dimensións
Compartir Este Artigo
