Este xoves 22 presentáronse en San Caetano as liñas de actuación definitivas de Xuventude Galiza Net 2007, que se vai celebrar entre o 30 de marzo e o 1 de abril. Segundo Rubén Cela (director xeral de Xuventude) e María Xesús Lago (secretaria xeral de Benestar) a nova edición de XGN afondará en todo o posible na listaxe de cuestións bosquexadas na convocatoria pasada, co fin de que cobren corpo e feitura. Referímonos a cuestións como o emprego do idioma galego como elemento de valor na Sociedade da Información e tamén na mocidade (e non como unha eiva, por moito que insistiran neste punto algúns dos inscritos o ano pasado) ou o uso e deseño de ferramentas de software libre como fonte de riqueza e innovación para Galiza. Neste senso, de novo haberá conferencias e relatorios arredor da cuestión da fonte aberta e que contarán coa colaboración de colectivos galegos de usuarios e desenvolvedores deste tipo de programas. Será pois unha boa oportunidade para perderlle o medo ó Linux.
Espazo para terceira idade
Mais se cadra a gran novidade deste ano é o espazo que se vai habilitar para as persoas maiores, un colectivo que hoxe en día sofre serios riscos de ficar na outra beira da fenda dixital: é dicir, na beira onde non se empregan as ferramentas da información nin tan sequera se sabe para que poden servir nin en que poden mellorar a calidade de vida, sobre todo porque unha boa parte dos nosos maiores nunca tiveron a oportunidade de pórse diante dun computador con outra persoa que os guiase. Co fin de encher na medida do posible esa fenda ou de tender pontes por enriba dela, XGN ten no programa unha serie de actividades desañadas especialmente para a terceira idade.
Nun principio, a xuntanza contará coa presenza de cen persoas maiores procedentes de diversas aulas de informática espalladas na nosa terra (virán con certa base tecnolóxica, polo tanto), e o que se pretende é sentar os alicerces de dúas canles de participación: por unha banda, que os mozos e mozas que participen na xuntanza colaboren achegándolles o seu coñecemento e, pola outra, que os colectivos da terceira idade que estean xa ben introducidos no eido tecnolóxico compartan o que saben coas súas amizades.
Inscricións en menos dun minuto
O prazo de inscrición para participar en Xuventude Galiza Net foi –unha vez máis- visto e non visto. Tan rápido coma un pestanexo. Ben, se cadra non tanto, pero o que si que se sabe é que nin sequera fixo falta un minuto para formalizar a preinscrición nas 1.500 prazas dispoñibles, e todo a través de Internet. Conclusión: esta party leva sete edicións (con esta que se nos vén xa enriba, son oito) en situación de liña ascendente, e nalgunha desas convocatorias (probablemente desde as primeiras) deixou de ser un experimento máis ou menos informal para converterse niso polo que devecen os mozos informáticos de Galiza e de todo o estado español: iso que fai que os rapaces conten os días, que lles poñan cruces nos almanaques.
Achegando pontes cos empresarios
Outra das novidades deste ano ten que ver directamente co mercado laboral e co feito de incrementar as posibilidades dos mozos de atopar un emprego no sector vinculado á Sociedade da Información. É dicir: a organización de XGN quere crear canles, de paso que ten entre mans un evento que abrangue mocidade, redes do coñecemento e tecido industrial do lecer e das telecomunicacións. Con este fin, serán convidados á xuntanza os responsables de recursos humanos das empresas relacionadas do eido TIC que estean vinculadas á party en labores de patrocinio ou de colaboración, responsables ós que se lles poderá facer chegar o currículo e/ou a carta de presentación. Segundo apuntou o director xeral de Xuventude na rolda de presentación de XGN, estaríamos se cadra ante a face máis seria da xuntanza, a que iría encamiñada a tirar proveito da materia gris e da experiencia alí reunida: “Hai moitos mozos que participan e que teñen un moi elevado potencial no mercado de traballo e sen sequera sabelo e hai que ter en conta que moitos deles e delas son monstros da informática, que saben programar e deseñar”. Ó seu xuízo, esta actividade en concreto é tamén moi beneficiosa para as empresas: “De feito, xa devecen polo comezo da xuntanza”, comentou.
Características técnicas e presentacións (incluída a da Play Station 3)
Polo que respecta ás características máis técnicas do evento, cómpre subliñar que, entre outras incorporacións, triplicarase a amplitude de banda do ano anterior, chegándose a un xigabyte de rede interna. Asemade, empregaranse 40.000 metros de fíos para poñer tódolos ordenadores en liña. Amais disto, haberá 100.000 euros en premios e máis de 40 concursos, desenvolveranse exhibicións de graffitis e campionatos de consolas, daranse conferencias centradas en 3D, robótica, novos formatos de DVD de alta definición e en software libre. Tamén está prevista a presentación como primicia en España da nova consola de Sony: a Play Station 3, que vai chegar a Galiza vía XGN tras unha chea de retrasos.
Por outra banda, a empresa galega Blusens (con sede en Compostela, a pouca distancia do Palacio de Congresos) presentará a súa plataforma Blu:Generation, na que empregou varios anos de investigación. Entre esta serie de produtos da firma atoparemos o G14, que é un reprodutor MP3 que permite baixar música directamente da Rede. Esta conexión directa con Internet vén dada por un chip que permite acceso sen fíos á Rede (WiFi e Bluetooth).
Novos relatorios
Estas son algunhas das conferencias preparadas das que tivemos coñecemento nos días previos á celebración do encontro:
· O desenvolvemento de xogos con Direct X/Xna. Relator: Miguel Anxo Ramos Barroso MVP de Microsoft.
· A robótica: Presente e novos horizontes. Relator: Joaquín López Fernández, profesor da Universidade de Vigo (Grupo Robótica e Sistemas Intelixentes)
· Futuro dos medios de almacenamento: HD DVD ou Blue Ray. Relator: Victor Rodríguez Arós, xefe de Servizo de Informática da Consellería de Vicepresidencia
Algo máis ca torrar DVDs (?)
Xuventude Galiza Net, como case tódalas xuntanzas para mozos en liña que se levan organizando no mundo dende o espallamento de Internet, ten críticos e defensores. Os primeiros (non é complicado atopar críticas na Rede) opinan que o único que se logra poñendo a 1.500 mozos e mozas cos seus computadores perante altas velocidades de conexión é perpetuar o costume de copialo todo, mesmo aqueles produtos que teñen licenzas tradicionais de dereitos de autor (copyright). Pola contra, para os defensores (que non negan que en XGN e semellantes tórranse películas e discos a eito) é máis importante o feito de intercambiar coñecemento e establecer ligazóns entre persoas de toda Galiza e España ca todo o que se poda facer en contra dos intereses da SGAE. Dito doutro xeito: XGN favorece que os rapaces se familiaricen coas novas redes e que todos aqueles que non son rapaces nin teñen acceso ás redes se interesen polo tema: “E como serán?”, pregúntanse.
En que consiste XGN
XGN é un encontro informático para a mocidade. Concretamente, para 1.500 mozos procedentes de toda Galiza e tamén de Madrid, Euskadi, Asturias ou tamén Cataluña. Todos os participantes (que, por certo, adoitan a ser na súa maioría homes, polo que xa hai xente que fala de “Homes Galiza Net”, entre outros nomes que é mellor que non reproduzamos aquí) teñen á súa disposición unha rede de alta velocidade e máis unha serie de concursos, relatorios e mesas redondas. Segundo apunta a organización na páxina web, “as actividades esenciais xiran arredor dos últimos avances tecnolóxicos, o lecer e o computador como ferramenta creativa”. É dicir, arredor de todo aquilo que non teña o seguinte punto de partida: mercar un equipo informático para xogar ó solitario. Ás conferencias está previsto que acudan senlleiros profesionais relacionados co eido da informática, co fin de que lles acheguen ós rapaces información sobre os aspectos máis actuais da Sociedade do Coñecemento. Ademais, nas mesas redondas farase todo o posible por fomentar o debate e a intervención directa dos participantes.
XGN 2007: máis software libre e máis maiores en liña
Compartir Este Artigo
