Oracle vén de sacar as unllas ante o que considera unha usurpación do seu. Máis polo miúdo, o obxecto da discordia non é outra cousa que diverso software previamente rexistrado con copyright e outras informacións de tipo confidencial. Segundo apunta a firma, a suposta responsable da sustracción é SAP, empresa xermana desenvolvedora de software para negocios (finanzas, recursos humanos, vendas, relacións cos clientes) que, a xuízo de Oracle, vén de levar a cabo un roubo corporativo a grande escala logo de introducirse de cheo nos seus sistemas.
Segundo informa a compañía denunciante nun comunicado posto en liña por The New York Times (olllo, en pdf, en inglés e cunha boa cantidade de termos legais e xurídicos), a sustracción forma parte dunha gran campaña de SAP para roubarlle mercardo e impedir, de paso, que a empresa de Colorado lle quite (á súa vez) o que considera máis ou menos propio de seu: o primeiro posto no mercado mundial de ferramentas informáticas para os negocios.
Dáse a casualidade de que nestes últimos tempos a loita entre as dúas corporacións estaba a acadar niveis case alarmantes de intensidade, sobre todo logo do pulo que representou para Oracle o feito de ter gastado 20 billóns de dólares nos últimos tres anos mercando dúas ducias de empresas (algunhas de moita entidade como PeopleSoft) co fin de acadar os seus obxectivos: facerlle sombra a SAP.
A empresa xermana recibiu onte mesmo pola tarde o comunicado de Oracle e sinalou que non vai emitir ningún comentario ó respecto antes de consultar o asunto polo miúdo cos seus avogados.
Oracle acusa ó seu competidor SAP de roubarlle código de software rexistrado
Compartir Este Artigo
