A empresa galega Quobis (con sede en Tecnópole, Ourense, e máis en Porriño) vai participar en Alemaña nunha xuntanza sobre vixilancia de portos e zonas costeiras en fronteiras internacionais, SOBCAH (polas súas siglas en inglés). No congreso, que se celebra esta semana en Berlín, a firma galega exporá os resultados dos seus traballos sobre a aplicabilidade da tecnoloxía Wimax neste tipo de espazos internacionais, coa finalidade de achegar a banda ampla a escenarios costeiros.
Segundo informa Quobis nun comunicado, os resultados xa se poden ver levados á práctica en moi diversos eidos, como a xestión de plantas de explotación acuática, a comunicación con radiofaros ou radiobalizas ou no acceso á Rede en áreas de varamento de buques ou barcos de recreo.
A xuízo da empresa galega, estas aplicacións do tecnolóxico ó marítimo están a espertar o intererese de moitas administracións, empresas e organizacións, e mesmo dos foros internacionais como o de Berlín, onde a firma galega compartirá espazo e sesións con representantes tan senlleiros do sector como Thales Research, Hellenic Aerospace Industry ou o Fraunhofer Institute. Para Quobis, o feito de participar de xeito activo nesta xuntanza, representa un importante recoñecemento ó seu labor de investigación.
A SOBCAH (Surveillance of Borders Coastlines and Harbours) é unha reunión internacional de traballo prevista para este 28 de marzo e que ten como obxectivo afondar en desenvolvementos tecnolóxicos aplicados á vixilancia das zonas fronteirizas costeiras, así como tamén traballar na integración e compatibilidade das iniciativas xa postas en marcha. O evento celebrarase no Maritime Hotel de Berlín.
A galega Quobis afonda en Berlín nas novas tecnoloxías aplicadas ó sector marítimo
Compartir Este Artigo
