Xa sabemos que pezas son as gañadoras da primeira edición dos YouTube Video Awards, premios encamiñados a recoñecer as mellores gravacións caseiras do ano e nos que participan os usuarios da dita web achegando os seus votos, e tamén as súas producións, enxeño e, sobre todo, sentido do humor. Precisamente, nesta edición dos galardóns o común denominador entre as pezas recoñecidas foi o humor, polo que nunca antes unha escolma de vídeos de YouTube como a do palmarés foi tan axeitada para unha paréntese no día a día das oficinas de todo mundo.
O vídeo máis votado na modalidade de peza máis creativa foi Here it goes again, do grupo OKGo, unha banda que empregou o servizo web como palestra para darse a coñecer ó mundo.
A peza, que non ten desperdicio, é unha proba máis (por se precisabamos outra) de que para facer unha gravación boa e divertida unicamente fai falla enxeño (e, neste caso, dúas ou tres máquinas de step).
O premio ó mellor vídeo de comedia foi para Smosh Short 2: Stranded de Smosh, o de mellor comentario para Hotness Prevails de Thewinekone, o das mellores series para Ask A Ninja, o do mellor vídeo musical para Say It’s Possible de TerraNaomi, o da peza máis inspirada para Free Hugs Campaign de PeaceOnEarth123” e o máis adorable para Kiwi!. Os títulos das pezas galardoadas foron dados a coñecer este domingo 25 de marzo.
YouTube dá a coñecer os vídeos de 2006 máis votados polos usuarios
Compartir Este Artigo
