Chegou a hora da verdade para un dominio propio para Galiza na Internet? Está máis preto ca nunca o “.gal”? Probablemente é cedo de máis para contestar a estas cuestións, pero tamén é verdade que dependendo dos alicerces que se senten estes días na Conferencia da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) poderemos seguir tendo esperanza ou non. Dito doutro xeito: a xuntanza de Lisboa coa ICANN (a entidade internacional que xestiona a xeración de novos dominios) é unha xuntanza clave para a Asociación PuntoGal, que estará alí por vez primeira para (entre outras cousas) presentar as case 5.000 sinaturas particulares achegadas nos últimos meses co fin de apoiar a causa do dominio para a nosa cultura.
Unha das cuestións que se está a tratar na capital portuguesa é a posible elaboración dunha axenda para as propostas de novos dominios, cuestión que de concretarse abriría definitivamente as portas para futuras negociacións, prazos e solicitudes. Isto non significa a consecución inmediata do dominio, senón máis ben o establecemento de citas para debater sobre el. O futuro do “.gal”, como o do resto dos espazos solicitados por outros colectivos semellantes ó noso de Bretaña, Laponia ou Gales, depende en boa media dos apoios que reciba, tanto dende institucións, como de empresas como de internautas particulares. Neste intre, a día 27 de marzo (como dixemos), as sinaturas recadadas achéganse ás 5.000, cifra que pode non abondar como factor decisivo para o visto bo da ICANN. Emporiso, tódolos colectivos que integran a Asociación PuntoGal seguen a solicitar á sociedade galega que peche fileiras arredor deste obxectivo.
PuntoGal constituíuse como asociación o 10 de xuño de 2006 nunha asemblea celebrada no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Na súa andaina conseguiu o apoio das máis representativas entidades ligadas á cultura e a lingua galega, entre as que figura a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, a Asociación de Editores de Galicia, o Consello da Xuventude, Federación de Libreiros de Galicia, o Colexio de Arquitectos, o Consello da Avogacía e o CESGA, entre outras.
PuntoGal acode a Lisboa con case 5.000 sinaturas particulares de apoio ó dominio galego
Compartir Este Artigo
