Os programas espía para teclados ou keyloggers, que permiten interceptar os contrasinais e outros tipos de información confidencial que o usuario ten que introducir no ordenador (inevitablemente) a través do teclado, son cada vez máis sofisticados e difíciles de prever por parte dos dispositivos de seguridade. A empresa Kaspersky Lab, especializada en sistemas de defensa contra virus, hackers e correo non solicitado, vén de presentar a primeira parte do artigo analítico sobre esta subespecie de programas espía, publicado na web de información Viruslist.com. O devandito informe contén a descrición das principais tecnoloxías empregadas polos escritores de virus para crear programas nocivos e disimular a súa presenza no sistema, así como os medios que empregan para propagarse e as aplicacións que lles dan os delincuentes.
A falta de información e a despreocupación dos usuarios convérteos as máis das veces en presas fáciles deste tipo de delincuentes e, sen ir máis lonxe, o artigo recolle unha serie de casos reais de grandes perdas financeiras sufridas polos internautas que non tomaron as precaucións mínimas de seguridade informática e que foron atacados polos keyloggers.
A meirande parte destes casos, teríanse evitado levando a cabo unhas sinxelas medidas de seguridade que se inclúen con detalle no informe, así como os métodos máis efectivos á vez que sinxelos, indicados incluso para os usuarios máis inexpertos.
A segunda parte deste artigo, escrito por Nikolai Grevennikov, estará na Rede a mediados de abril.
Viruslist.com achega un informe práctico de seguridade para evitar ós keyloggers
Compartir Este Artigo
