A Asociación de Usuarios de Internet (AUI) vén de convocar a terceira edición dos Premios Día de Internet (este 17 de maio), uns galardóns cos que se pretende fomentar a participación dos cidadáns na Sociedade da Información, traballar pola accesibilidade na Rede e contribuír á desaparición da fenda dixital que segue a afastar a determinados colectivos do emprego das novas tecnoloxías. O prazo para presentar as candidaturas xa está aberto, e está previsto o peche para o vindeiro 27 de abril. Para optar ós premios, nos que tamén poden participar internautas de Iberoamérica, é preciso ter aberta unha páxina web.
O xurado estará integrado por un membro de cada unha das organizacións que serven de base ó Comité de Impulso do Día de Internet. Asemade, tamén poderán votar os propios internautas a través da Rede, equivalendo as súas achegas a un terzo do resultado. As categorías son: Premio ó Mellor Evento, Premio á Mellor Iniciativa Educativa, Premio á Páxina Web con Mellor Accesibilidade para empresas e administracións e o Premio á Mellor Iniciativa para Reducir a Fenda Dixital. Tamén se reservará un galardón (Premio Internet e Eu) para a persoa, empresa ou organización que teña contribuído ó desenvolvemento da Internet no seu país de orixe a través dunha páxina web propia de seu.
AUI abre o prazo para participar nos terceiros Premios Día de Internet
Compartir Este Artigo
