Hai un aro polo que teñen que pasar hoxe en día todas as empresas, sexan do sector e do país que sexan: o aro das novas tecnoloxías da información. Isto, que máis pode parecer un esforzo extra e sen utilidade ca unha entrada nun máis completo nivel competitivo (e todo apunta a que ten máis do segundo ca do primeiro), require sobre todo información e reflexión. Este é o punto de vista de APD Zona Noroeste, que, en colaboración coa galega Coremain, organiza este mércores 18 de abril en Compostela un almorzo-coloquio que contará coa presenza de Rosa García, presidenta de Microsoft Ibérica.
A idea do encontro, como dixemos, é a de afondar en cuestións vinculadas á nova orde económica (a global) que se ve condicionada por outra nova orde: a tecnolóxica (a da Web 2.0).
Amais, trataranse temas como o desenvolvemento do mercado electrónico para o intercambio de produtos, os servizos en liña ou a redución de custos e tempos de produción.
A xuntanza, que se desenvolverá no Hotel Meliá Araguaney de Compostela a partir das 13.30 horas, transcorrerá baixo o lema Tecnoloxía: Peza clave para a competitividade da economía galega. Segundo informa a Asociación para o Progreso da Dirección, as persoas interesadas en participar na sesión deberán formalizar previamente a asistencia, completando cos seus datos o boletín que fica dispoñible na web de APD. O prezo do almorzo para os socios da Asociación é de 50 euros máis IVE, e para os non socios de 60 euros máis IVE.
A presidenta de Microsoft Ibérica abre este mércores 18 un almorzo coloquio en Compostela
Compartir Este Artigo
