Os empregos do móbil semellan non ter fin. Logo de saber (mira ti por onde) que servía para facer e recibir chamadas, entramos de cheo noutras funcións igualmente interesantes: espertador, reloxo, pisapapeis, inhibidor de conversas ou encontros non desexados, lanterna para atopar butaca no cine, etc. Enleadas aparte, o certo é que o móbil aseméllase cada vez máis ó computador con acceso á Rede e, seguindo por este vieiro, ó propio feito de comprar. Isto é precisamente o que está a ofrecer a empresa ShopText en países como Estados Unidos: un sistema para mercar produtos a través de mensaxes de texto e sen necesidade de acudir á tenda onde se ofrece ese produto ou mesmo de visitar a web desa tenda. É dicir, que o que se pretende é facer o máis doado posible o proceso no que se asenta unha boa parte (senón toda) do sistema económico mundial: o proceso continuo de comprar.
Neste intre, que poderíamos chamar “de primeiros tanteos”, estanse a xa vender a través do terminal CDs de determinados artistas ou entradas para concertos.
Segundo informa a propia empresa, o sistema presenta moitas posibilidades para un sector que semella ferido de morte dende hai un par de anos, sobre todo dende o afianzamento da Web 2.0, onde, a fin de contas, se soe ofrecer o mesmo ca nese sector pero de balde e dende calquera lugar. Falamos da prensa escrita.
Ou sexa: pode que non tarde o día en que tanto xornais como revistas completen os seus espazos de publicidade co símbolo dun carriño da compra acompañado dun número de teléfono ó que enviar unha mensaxe. Será o proceso de compra simplificado ó límite para o lector. Ou sexa: anunciar e vender dunha soa tacada.
Comeza a espallarse a práctica de mercar coa axuda dos móbiles
Compartir Este Artigo
