Abertis Telecom (operadora de infraestruturas do grupo español Abertis) e Microsoft veñen de establecer unha alianza co obxectivo de afondar (man con man) no desenvolvemento da Televisión Dixital Terrestre a través de Internet. O eixe da colaboración entre as dúas compañías ten nome propio: TDT.COM, un proxecto que abrangue a avaliación polo míudo dos alicerces que sosterían unha estrutura complexa dende o punto de vista tecnolóxico. Falamos dun servizo posto en marcha polas dúas empresas que, con calidade de imaxe e son, difundiría contidos audiovisuais a través da Rede, facendo uso da experiencia de Live (proxecto de Microsoft). Por dicilo doutro xeito: cinguir Internet e Televisión nun único modelo de converxencia non é tarefa doada, e tanto Abertis como a compañía de Redmond están a completar uns elos da cadea que, por separado, dificilmente poderían completarse.
Neste senso, Microsoft concorre no proxecto achegando sobre todo o seu coñecemento no deseño de plataformas de acceso, que lle servirá para desenvolver o entorno de presentación visual sobre os seus sistemas operativos Windows Vista e Windows XP e empregando Windows Presentation Foundation como interfaz gráfica de última xeración. Abertis, pola súa parte, participará principalmente na provisión de infraestrutura para a xestión e distribución de contidos audiovisuais con tecnoloxía Windows Media. Asemade (sinala a firma española nun comunicado), responsabilizarase da seguridade de proteción dos contidos con Windows Media DRM e da incorporación de metadatos ligados que deixen marxe ós usuarios para afondar esta nova alternativa de TDT.
Abertis Telecom e Microsoft colaborarán na achega de TDT a través da Rede
Compartir Este Artigo
