A Web afaise cada día máis á medida dos internautas. Ese é, a fin de contas, un dos alicerces da nova orde de Internet, a 2.0. Non sabemos se a iniciativa en liña da que falamos agora pertence ou non a esta nova situación da Rede, pero si que forma parte da especialización da mesma en micromercados, da fragmentación en miúdos anacos para intereses ben definidos. Desta volta, temos que falar do interese que unha parte da sociedade comparte con Holly Golightly, a inesquecible protagonista de Almorzo con diamantes, a novela de Truman Capote que Audrey Hepburn encarnou no cinema: a arela de acadar ver materializados os seus soños, que para a protagonista tomaban corpo na posibilidade (para ela, lonxana) de levar para a casa un luxoso anaco de Tiffany´s. Así, facendo referencia directa a esta arela compartida, é como se presenta en sociedade a web www.lujoaccesible.net, un portal no que se poñen a disposición dos internautas todo tipo de obxectos de luxo e (iso din) sen necesidade de efectuar grandes investimentos.
As marcas que achega o portal (Prada, Loewe, Christian Dior, Valentino, Fendi, Chopard, Bvlgari) dan un aquel de arrepío, e máis medo lle debe dar a web ós que si que levan anos mercando este tipo de obxectos e que ven agora com periga o réxime exclusivista que mantiñan. Ou sexa, que para a xente que non concibe pagar menos de 300 euros por un bolso, o día en que un Ferrero Rocher se ofreceu en tódolos medios populares como unha símbolo de estatus social, deixou de ser para eles (precisamente) un símbolo de estatus social.
Ironías aparte, a web semella ter unha serie de vantaxes para quen guste destes artigos. Non hai que pagar cota algunha de inscrición e, ademais, o cliente poderá ter o obxecto desexado no lugar que elixa e polo que tempo que decida por un prezo de partida mínimo de 35 euros. Isto inclúe o período de aluguer, a entrega e a recollida en calquera lugar da Península e Baleares. A web tamén inclúe novas de moda, consellos, avances de tendencias, e presentacións de tempada “a pe de pasarela”.
Lujoaccesible.net: obxectos de Tiffany´s, en aluguer para todos os petos
Compartir Este Artigo
