Tecnoloxía para non coller o coche. Isto que pode resultar moi simple así presentado, é de feito unha das grandes vantaxes que pon a innovación ó noso alcance. Por dicilo dun xeito máis técnico: a era dixital achega o mundo á nosa casa ou lugar de traballo e, amais, amplifica ó máximo as posibilidades de comunicación. Un bo exemplo disto é o que están a acadar as salas con Access Grid no eido das universidades galegas, onde, por medio de servizos avanzados de vídeo conferencia, organízanse xuntanzas e clases sen necesidade de convocar fisicamente ós participantes.
Pois ben: a rede Access Grid (que corre sobre software libre e ten o seu xermolo na nosa terra no proxecto Torga.net) está a medrar, e o Centro Multimedia de Galicia (CMG) é o último -que non o derradeiro- elo engadido á cadea. A incorporación foi presentada este xoves día 19 na sede principal da institución, en Santiago, nun acto que contou coa presenza de Manuel Xosé Fernández, director xeral de Comunicación Audiovisual e (vía vídeo conferencia) de membros da comunidade educativa dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Precisamente, o acto de posta en longo celebrouse na sala de traballo colaborativo que servirá de nexo de unión principal entre o CMG e os restantes puntos da infraestrutura Access Grid. Segundo informou Fernández Iglesias, a gran vantaxe da rede é a seguinte: “posibilita que un grupo de persoas distribuído en diferentes localizacións forme parte dun encontro, escoitándose unhas a outras ó tempo que comparten datos de traballo, en tempo real e sen retardos”.
As posibilidades desta tecnoloxía increméntase se pensamos que non se trata dunha rede exclusiva de Galiza, xa que abrangue múltiples espazos docentes e de investigación de todo o mundo. Asemade, a sala aberta hoxe vai encamiñada a achegar os contidos ós que se poida acceder mediante a tecnoloxía Access Grid ós telecentros que o CMG ten repartidos nos concellos galegos, “o que suporá unha mellora na calidade dos servizos e no emprego dos mesmos”.
A iniciativa fica aberta, e a Dirección Xeral xa ten proxectadas máis incorporacións. De feito, un dos grandes obxectivos é levar un telecentro ligado á devandita infraestrutura a menos de 30 minutos de cada cidadán galego, constituíndose a finais de 2007 unha rede de 41 espazos operativos e de 51 ó remate de 2008. Esta rede de puntos de acceso do CMG poderá sacar partido dos contidos desenvolvidos nas salas Access Grid mediante a ligazón entre esta tecnoloxía e o servizo de vídeo conferencias tradicionais.
Entrega de premios do concurso Vídeo na Internet
A presentación da nova sala completouse coa entrega de premios do concurso Vídeo na Internet organizado pola Dirección Xeral de Comunicación dentro do Programa de Formación 2006-2007 do Centro Multimedia de Galicia. O primeiro premio, de 2.000 euros, recaeu en Vicente López Díaz, pola curtametraxe El perchero, o segundo, de 500 euros, en César Galdo Paz, polo vídeo Facundo: unha ficción en VHS e o terceiro en María Magán Campón, pola curta Espacio de reflexión que recibiu outros 500 euros. Vicente López participou no concurso dende o telecentro do Centro Multimedia de Galicia, César Galdo dende o telecentro da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e María Magán, dende o telecentro situado en Boiro. En total participaron no concurso 43 alumnos de distintas localidades galegas.
O xurado, composto polo profesor do Curso de Vídeo na Internet e técnicos do Centro Multimedia de Galicia (CMG) valorou a orixinalidade, o contido e tratamento do tema, o esforzo e dificultade e a corrección técnica dos traballos que están dispoñibles no portal Audiovisualdegalicia.es e no portal da Rede de Telecentros de Comunicación.
O CMG abre sala Access Grid, que permitirá o traballo a distancia a través de vídeo conferencia avanzada
Compartir Este Artigo
