A Mesa pola Normalización Lingüística e a CiberIrmande da Fala veñen de achegar os seus parabéns ó Celta polo que consideran unha nova gran vitoria do equipo galego: a aposta (aínda no seu comezo) pola nosa lingua nas súas comunicacións cos seareiros, tanto para o que se refire ás de tipo tradicional como no que respecta ás emitidas a través dos seus espazos na Web (que xa comezan a dar sinais de galeguización, polo que se pode ver na entrada).
Deste xeito, convidan ós/ás internautas galegos/as a que fagan chegar tamén o seu respectivo correo de felicitación, sobre todo polo que ten esta nova liña do club de instrumento normalizador da lingua, no estritamente deportivo e, tamén, nos eidos máis vinculados ás novas tecnoloxías, onde é máis preciso ca nunca afianzar a presenza do galego.
Segundo informa a CiberIrmande, a publicidade do Celta xa está en galego, así como a entrada no seu sitio web. Asemade, estase a divulgar de xeito masivo o boletín en papel Real Club Celta – A cor de Galicia cunha porcentaxe dun 75% de contidos na nosa lingua. Deste xeito, e malia que aínda non se acadou a galeguización plena da páxina web (a meirande parte dela está en castelán), consideran fundamental que os internautas espallemos a medida, e lembrando (de paso) a outros equipos da terra a necesidade de iniciar unha liña de traballo como a que vén de iniciar o Celta (por exemplo o Deportivo, que aínda segue a voltas co topónimo detupardo da Coruña).
A Mesa e a CiberIrmandade animan ó Celta a seguir na liña da galeguización (e a outros clubs a tomar exemplo)
Compartir Este Artigo
