Finalmente, temos versión en galego dos servizos web de Caixanova, tal e como se comprometera a entidade financeira coa Mesa pola Normalización Lingüística e logo de moitos meses de continuas chamadas de atención dos internautas e de comunidades de usuarios como a CiberIrmandade da Fala. Segundo apunta a devandita plataforma galega, estamos perante o que sen dúbida é unha boa nova para a normalización da nosa fala, non só no que se refire ó eido financeiro senón tamén no vinculado directamente á Sociedade do Coñecemento.
Sexa como sexa, a incorporación do galego na web de Caixanova non é total polo de agora, polo que supoñemos que irá chegando a tódolos elementos de maneira progresiva. Por exemplo: o taboleiro de anuncios ou a xestión de contas seguen a aparecer en castelán. Sexa como sexa, parabéns para a empresa galega, que non vén de apostar só por unha lingua, a nosa (a dunha boa parte dos seus clientes), senón tamén polo que sen dúbida é un valor engadido para a propia compañía.
Cómpre sinalar que a versión é froito dos esforzos dun equipo de traballo interno que levou a cabo un seguimento polo miúdo da introdución do galego, tendo como retos a adaptación das campañas publicitarias, das mensaxes dos caixeiros, da propia correspondencia e, como dixemos, dos servizos da súa páxina web.
A web de Caixanova, por fin en galego
Compartir Este Artigo
