A iniciativa galega Contidos Dixitais leva xa un tempo apostando polas posibilidades da formación a distancia, vía as novas tecnoloxías do coñecemento. Neste senso, o eixe arredor do que xira a súa actividade é Dokeos, unha plataforma de código libre que está a ser empregada por máis de 1.200 organizacións de todo o mundo co fin de levar a cabo os seus programas de formación e colaboración. Porén, segundo informa a dita empresa, o programa precisa decontado dunha versión en galego (co obxectivo de tirar completo rendemento do mesmo dende os colectivos educativos da nosa terra), polo que require a axuda da comunidade internauta na tarefa de tradución.
Máis concretamente, en palabras de Noa Orizales, de Contidos Dixitais, o que se precisa é un “pulo definitivo ó proceso”, posto que neste intre xa está cuberto o 77% do traballo. Para colaborar na tradución deste software, só hai que acceder á seguinte dirección, rexistrarse e facer uso da ferramenta de translación en liña habilitada ao efecto: http://www.dokeos.com/DLTT/register.php.
A idea de Contidos Dixitais é que a nosa lingua non fique fóra da nova actualización (a 1.8) do programa, que verá a luz dentro de sete días.
Contidos Dixitais solicita a axuda dos internautas para traducir a plataforma de teleformación Dokeos
Compartir Este Artigo
