Que é máis fiable, unha votación na que participan 45 millóns de persoas de todo o mundo ou unha na que participan, como moito, 20 sabios? A Sociedade da Información, debería servir para algo máis útil que para elixir en liña os lugares de meirande interese turístico do planeta e así contribuír ó espallamento da venda de souvenirs? É probable que estas preguntas fiquen para sempre sen resposta, polo menos sen a resposta directa dos responsables de New7Wonders Foundation, a organización que propuxo na Web a elección das 7 Novas Marabillas do Mundo e que vén de facer reconto en Xenebra do acadado ata o día de hoxe.
Así, fixeron fincapé en que na campaña de votación en liña xa participaron máis de 45 millóns de persoas e que a web na que se fai a selección e se achegan datos sobre as “marabillas candidatas” (entre as que non atopamos ren da nosa terra, e se cadra é mellor así, tendo en conta o cinguida que vai a masificación turística á presión sobre o solo e ó afianzamento de novos tipos de escravización laboral nas tendas de figuriñas e camisetas) xa se atopa na actualidade entre as máis visitadas da Internet, por diante dos espazos en liña das Nacións Unidas, Coca Cola, a FIFA ou Levi´s.
Na exitosa páxina podemos atopar información sobre as 21 xoias arquitectónicas que concorren no concurso, entre as que finalmente non aparece a Alhambra de Granada, malia figurar como avantaxada en moitas das apostas previas. Detrás deste proxecto está Bernard Weber, un cidadán suízo que logo do esnaquizamento dos budas xigantes de Bamiyán (en Afganistán) quixo sensibilizar ó mundo en materia de conservación do patrimonio empregando a fondo as plataformas de comunicación que máis posibilidades teñen (precisamente) de chegar ó mundo de xeito máis eficaz: as redes. Segundo apunta a fundación que dirixe, a participación dos internautas está a ser moi entusiasta, e isto débese sobre todo (na súa opinión) a que para moitos cidadáns decidir sobre cuestións tan salientables coma este non é algo que aconteza todos os días.
O vindeiro sete de xullo nun acto multitudinario en Lisboa saberemos cales son eses nove espazos senlleiros no eido da arte e da arquitectura.
A comunidade internauta, as axencias de viaxes, as promotoras inmobiliarias e as grandes cadeas de hoteis de todo o mundo estarán ben atentas ós resultados.
Até 45 millóns de internautas participaron xa na elección das novas Sete Marabillas do Mundo
Compartir Este Artigo
