Este mércores 23 celebrouse en Santiago, na ETSE, unha xuntanza de representantes do sector empresarial galego vinculado ós programas de código aberto, co fin de sentar os primeiros alicerces para a constitución da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre. Máis polo miúdo, informa Javi Vázquez no seu blog, o obxectivo era avaliar a proposta e debater sobre ela abertamente, seguindo o espírito de participación do propio movemento informático do software libre. Na xuntanza participaron dez empresas da nosa terra, todas elas interesadas en constituír fortes ligazóns que contribúan en maior medida a facelas velas no mercado e a representar os seus intereses.
Estas foron as súas conclusións, entre outras:
· É preciso crear en Galiza unha Asociación de Empresas de Software Libre.
· O colectivo estará aberto a todas aquelas firmas que compartan os seus intereses, nos que figuran o fomento e a divulgación dos programas abertos como instrumentos útiles para desenvolver a Sociedade da Información en Galiza, o pulo á colaboración de negocio entre as empresas socias ou mesmo servir de ligazón coas firmas do Estado.
· Fórmase un grupo de traballo para dar os primeiros pasos na creación da asociación.
Na imaxe: Tux representando ó software libre perante a Comisión Europea, visto no caderno de Xesc.
Séntanse os alicerces para a creación da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre
Compartir Este Artigo
