A empresa Egatel, con sede en Galiza e especializada na fabricación de equipamento para televisión dixital, vén de renovar fondamente a súa faciana na web, co obxectivo que poñela cen por cen en sintonía coa súa actividade no mercado e coa súa identidade. A firma, que ten sede na Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) e pertence ó grupo EMTE, centrou unha boa parte dos seus esforzos na ampliación dos contidos e na procura de máis altos niveis de accesibilidade e eficacia. Deste xeito, comenta Egatel, os usuarios “poderán atopar información relevante sobre a compañía, os seus produtos e referencias en descarga, amais dunha sala de prensa coas últimas informacións”.
A remodelación da web, que non está pechada no que se refire ó seu desenvolvemento (en breve incluirá versión en inglés e agardamos que en galego, amais dunha zona reservada a clientes con acceso a través de clave para facer descargas de software), forma parte da nova estratexia de comunicación da empresa e é, en definitiva, unha das súas grandes apostas de mercado.
Segundo José de Pedro, presidente da firma, “unha páxina web corporativa debe cumprir cos requerimentos de información que demandan cada vez máis os nosos clientes e socios, polo que neste site procuramos facilitar o acceso á información contidos novos e mellor estruturados e, sobre todo, facer máis doada a descarga de novas versións de software”.
Egatel facilitará as descargas de software na súa remodelada web
Compartir Este Artigo
