De entre todas as convocatorias que atopamos ultimamente no virtual para levar a cabo actividades multitudinarias no virtual, a da marcha Ciclonudista mundial do 9 de xuño é sen lugar a dúbidas unha das máis salientables e, tamén, un bo exemplo do que poden facer unhas cantas persoas unidas por un ideario común e unha Rede que as une aínda un cachiño máis (entre elas e coa comunidade enteira de redeiros). Ou sexa: cómpre que non nos preocupemos se temos a impresión de que somos os únicos ós que lles amola que a xente colla o coche para percorrer os 30 metros que separan a casa da panadería. Ou de que reivindiquemos a nosa bicicleta na marea de automóbiles de cada xornada. Ou de que non lle acabemos de atopar o obxecto a unha prenda como é o traxe de baño (que se molla e que segue mollada mentres o corpo está enxoito dende hai horas).
Todas estas cousas e máis, en parte grazas ó poder de convocatoria da Rede, pódense dicir o 9 de xuño en voz ben alta nunha chea de cidades do mundo, listaxe na que está incluída A Coruña, con convocatoria ás 12 na praza de María Pita e destino ó areal das Lapas. Tras esta proposta están Word Naked Bike Ride e organizacións locais de todo o mundo. No caso galego, o desenvolvemento da iniciativa pódese seguir no foro de Masa Crítica.
O obxectivo dos convocantes é, ante todo, mover á reflexión acerca do seguinte tema: a conversión paulatina (pero sen pausa) das rúas das cidades en espazos exclusivos para o coche privado que colapsa eses espazos dexenerándoos en lugares hostís e perigosos. A día de hoxe, están preparadas mobilizacións nas seguintes cidades do Estado: Valencia, Madrid, Zaragoza, Barcelona, Huesca, A Coruña, Alacant, Murcia, Valladolid e máis Iruña. Na imaxe, unha concentración previa en Zaragoza convocada pola Coordinadora de Colectivos Ciclonudistas de Aragón vista en Indimedia.org do Reino Unido.<
Dez cidades do Estado acollerán a marcha ciclonudista convocada na Rede
Compartir Este Artigo
