Sabíamos que as novas tecnoloxías da información crean dependencia, autismo e graves problemas para chegar a fin de mes (tendo en conta os prezos que nos piden as operadoras de ADSL, os máis caros de Europa), pero se temos en conta o que sosteñen os responsables do duplo proxecto gañador do certame de software DesignIT de Microsoft, poden servir para loitar contra determinadas doenzas do noso tempo. Por exemplo: contra unha das que máis enigmas achega ós científicos e ós investigadores, o Alzheimer. Como dixemos, o proxecto ten dúas facianas. Por unha banda achegaría á comunidade internauta un salvapantallas en liña que, basicamente, consiste en levar ó virtual un exercicio real de uso cotiá que serve para exercitar a memoria dos doentes: a albume de recortes con imaxes de interese.
Neste caso, o aliciente tecnolóxico (a baza do proxecto) radica na posibilidade de usar os recursos multimedia.
Esta proposta, chamada As Lembranzas están feitas disto, inclúe unha segunda metade ou entrega. Trátase da posta en marcha dunha rede social para persoas con demencia, consistindo o seu funcionamento en poñer en contacto a uns doentes con outros de xeito sinxelo (non se requiren grandes coñecementos nin encher follas de inscrición). Cómpre lembrar que o certame DesignIT que organiza a multinacional Microsoft no Reino Unido vai encamiñado a recoñecer o valor de proxectos tecnolóxicos que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas enfermas, en risco de exclusión social ou dispacitadas. O primeiro premio consiste na posta en marcha do proxecto, que recaerá en mans dos seus responsables e dos deseñadores de software de Microsoft.
Un proxecto para loitar contra o Alzheimer dende o tecnolóxico, gañador no certame DesignIT
Compartir Este Artigo
