Volve a Semana Verde, entre o 13 e o 17 de xuño, e desta vez semella que vai vir cun importante compoñente tecnolóxico, ou, polo menos, con certa vontade de cinguir dous mundos que non teñen por que ser incompatibles: a gandería e a Sociedade da Información. Así o fai saber estes días a Consellería de Innovación: o recinto de Silleda acollerá durante eses días un espazo informatizado dirixido a poñer máis preto as novas tecnoloxías dos emprendedores do eido rural, “con contidos específicos para agricultores e gandeiros”. A iniciativa, que se coñece como “Ciberplaza”, vai ser posta en marcha pola Fundación Banesto Sociedade e Tecnoloxía en colaboración coa Fundación Semana Verde. O espazo reservado para ela contará con 50 computadores, 5 pantallas de plasma e 2 cámaras dixitais, entre outros materiais tecnolóxicos.
O caso é que se vai dividir en tres partes principais, todas elas encamiñadas a satisfacer as máis que probables demandas de información dos traballadores do noso agro. A primeira desenvolverase como un obradoiro para introducir ós participantes no manexo da Internet e, máis concretamente, no emprego da Rede para poñer en marcha negocios dende o rural.
A segunda parte xirará arredor dunha investigación sobre os sectores representados na Semana Verde. Así, avaliaranse polo miúdo as experiencias na Rede de pequenos negocios e explotacións que se fixeron un oco no mercado, coa finalidade de enxergar a chave do seu éxito e facer modelos para outros proxectos vindeiros.
Por último, a terceira actividade é un certame de propostas de negocio. Estas van ser recibidas ó longo de dúas xornadas e logo estudadas por un xurado, sendo o premio de 3.000 euros para pór en marcha o proxecto presentado.
A Semana Verde contará cun espazo para fomentar as novas tecnoloxías no agro
Compartir Este Artigo
