Segundo informou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, nunha comisión no Parlamento, “no que vai de ano, ata o pasado mes de abril, visitaron o Directorio en liña da Cidadanía Galega no Exterior (ferramenta posta en funcionamento pola Xunta en novembro do 2006), do redor de 3.000 galegos ou descendentes de galegos, dos cales se rexistraron 400 deles”.
Estes datos indican que a “meirande parte” dos usuarios son residentes da área xeográfica de América Latina e descendentes de galegos, o que supón dar un paso importante nas relacións entre a comunidade galega no exterior e a Xunta e coñecer de “primeira man” as súas necesidades.
Rodríguez explicou que o prazo que se precisa para poder analizar “o impacto desta ferramenta no público” é de un ano, prazo que se cumprirá no vindeiro mes de novembro, cando se comezarán a tratar os datos para facelos públicos en decembro.
O responsable de Emigración da Xunta lembrou que o Directorio “non ten identidade de censo estatístico” e sinalou o carácter voluntario do rexistro, factor que incrementa o valor das visitas recibidas ata o momento.
Pola súa parte, o portavoz de Emigración do PPdeG, José Manuel Castelao Bragaña, criticou esta iniciativa alegando que “non chega ós lugares nos que están os galegos que queremos atopar posto que o perfil do usuario de Internet non é coincidente con aqueles máis necesitados”.
Do redor de 400 galegos do exterior rexistráronse no que vai de ano no Directorio en liña da Cidadanía Galega da Xunta
Compartir Este Artigo
