Nin conexións especiais, nin adaptadores de TDT, nin antenas parabólicas, nin tarxetas… nin ningún outro dispositivo dos que ata agora precisabamos para ver a televisión no noso ordenador nos van facer falta a partires de agora.
A televisión por Internet ou IPTV, xa é unha realidade en España grazas a Zattoo, o primeiro programa gratuíto que ocupa pouco máis de 60 megas no disco duro e que permite disfrutar directamente, no mesmísimo monitor do PC, das principais canles de televisión privada e pública do noso país.
O devandito programa é obra da empresa estadounidense Zattoo, afincada en San Francisco, que vén de comprobar como, nos últimos meses, o seu programa foi incrementando notoriedade por todo o mundo, abrindo novas sedes en Suíza, Dinamarca ou no Reino Unido.
O lanzamento de Zattoo no noso país fíxose público o pasado domingo 13 de xuño, coincindindo coa final da liga de fútbol, día no que se rexistraron centos de descargas nas primeiras horas nas que estivo dispoñible.
Para poder empregar o servizo, tan só hai que crear unha conta cun correo electrónico e unha clave e descargar o programa. A televisión a través de Zattoo móstrase nunha fiestra inserta no escritorio do ordenador que se pode ampliar ata ocupar toda a pantalla cunha calidade de imaxe bastante competente.
Polo de agora, a edición española de Zattoo non inclúe publicidade á marxe da incluída nas propias canles que se poden ver (La Primera, La 2, Antena 3, Cuatro, Telecinco, La Sexta…) pero non se descarta a posibilidade de que os anunciantes inserten ráfagas cos seus propios anuncios nun futuro, xa que os creadores de Zattoo aseguran que o seu servizo “é un marco perfecto para os anunciantes xa que o espectador ten o mesmo nivel de atención que cando ve a televisión”.
Chega a España Zattoo, o primeiro programa de balde que permite ver a televisión no ordenador
Compartir Este Artigo
