A filial británica de Telefónica no sector da telefonía móbil, O2, desmentiu que pechara un acordo con Apple para a distribución exclusiva do iPhone no Reino Unido como publicara boa parte da prensa británica e mundial, e a propia compañía rexeitou facer comentarios sobre o posible acordo de comercialización.
Tampouco está confirmado que T-Mobile (filial de Deutsche Telekom) distribúa o iPhone en Alemaña, polo que os rumores destes días (nos que tamén se lle daban a Vodafone moitas bazas para facerse coa distribución europea do novo terminal de Apple) non corresponden a realidades, senón a negociacións entre distintas compañías que poden rematar de xeitos moi diferentes.
Apple debería elixir entre escoller ós operadores líderes (O2 en Reino Unido, Orange en Francia e T-Mobile en Alemaña) ou a un operador único con presenza en moitos países (Vodafone), aínda que as compañías europeas tamén poñen atrancos nas negociacións, pois Apple quere impor condicións ás operadoras, ó contrario co que acontece co resto de fabricantes de móbiles (que son os que atenden ás esixencias das operadoras).
Desminten que O2 pechase un acordo de distribución do iPhone no Reino Unido
Compartir Este Artigo
