Google quere incrementar a forza do seu servizo de mapas para que se convertan nunha plataforma na que se poida compartir e buscar información, polo que hai pouco máis dun mes engadiron os mapplets (que permite integrar mini-aplicacións en Google Maps), que se suman á posibilidade de facer mapas personalizados (Mis Mapas), e así agora as dúas novas funcionalidades se relacionan entre si, de xeito que podemos tirar proveito dos mapplets nos nosos mapas personalizados.
Demostración do funcionamento dos mapplets nos mapas personalizados |
Actualmente xa hai unha boa colección de mapplets que permiten consultar xeograficamente datos como os prezos do carburante, hoteis, casas en venda, prazas libres nun aparcadoiro, redes de metro, temperatura e velocidade do vento, situación de cámaras web, fotos en Flickr sacadas en cada posición, horarios dos cines,… que podemos engadir de xeito doado a mapas creados por nós e nos que indiquemos os puntos do noso interese, o que pode ter múltiples usos que van dende a planificación das vacacións ata o estudo demográfico de rexións, pasando por usos esporádicos como puro lecer.
Para empregar estas novas ferramentas só é preciso entrar en Google Maps estando identificado como usuario en Google.
