Estaba máis ou menos cantado: o blog máis popular do planeta ía proceder dun país onde o número de internautas e, en consecuencia, lectores potenciais de bitácoras fose tan intratable como o clima de Galiza ou o Pontevedra CF nos tempos de gloria do “Hai que roelo”. Deste xeito, tiña a súa lóxica que a nazón dos 137 millóns de internautas (e a cifra segue subindo), China, albergase tamén ó campión dos cadernos persoais no que a volume de visitas de se refire, pertencente á actriz e directora Xu Jinglei. Segundo se di estes días na Rede, a bitácora xa acadou a cifra das 100 millóns de visitas, o que non está nada mal, sobre todo se temos en conta a cantidade de bitacoreiros que andan polo mundo internauta que venderían a súa alma por chegar sequera ás 1.000 visitas.
Cómpre sinalar que Xu (natural de de Beijing) saltou á fama en determinados círculos cinematográficos (non moi masivos no que se refire a Occidente) logo de levar ó cinema a novela de Stephan Zweig, Carta dunha descoñecida, hai tres anos. O filme recibiu a Concha de Plata ó mellor director no Festival de San Sebastián.
O segredo do éxito da súa bitácora, segundo apunta, está sobre todo no interese por telo actualizado.
O blog máis visitado do planeta pertence á actriz chinesa Xu Jinglei
Compartir Este Artigo
