O Certame NovaXove Music, que xa vai pola segunda edición e que consiste basicamente en dar a coñecer maquetas de grupos galegos noveis, inclúe fortes vínculos con Internet. O máis importante de todos eles ten que ver cos métodos empregados por Caixanova (que é quen organiza este festival, a través do seu servizo NovaXove) para convocar á mocidade galega fronte a estas agrupacións e artistas descoñecidos: a través dunha votación na Rede. O obxectivo dos promotores do certame, amais de achegar unha palestra virtual, pasa por superar a cifra de participación de grupos do ano pasado, que foi de medio centenar. A nova edición do concurso presentouse este mércores 18 na Coruña, nun acto no que se incidiu na súa liña a seguir (aberta, di NovaXove, a todos os estilos e propostas) e nas súas bases.
Neste senso, cómpre sinalar que os grupos que queiran participar deberán enviar un correo electrónico a NX para “a creación dun usuario específico que permita o envío dun tema en formato MP3 ó sistema informático do servizo, para a súa posterior publicación na sección de música”. Posteriormente, o weblog deste usuario específico converterase na fonte de información do grupo dentro do portal de NovaXove “cara ó resto do mundo”.
A partir de aí, os usuarios rexistrados do servizo web de Caixanova poderán levar a cabo as votacións. Cómpre sinalar que o prazo para a presentación de candidaturas fica aberto ata o 1 de novembro, coincidindo co prazo para as votacións. O anuncio dos finalistas realizarase o 10 de novembro, e a final do certame está prevista para o 23 de novembro, nun concerto en Santiago no que participarán os catro conxuntos ou artistas máis votados.
O premio consistirá (entre outras cousas) na gravación dun CD musical ou multimedia un estudo profesional de Galiza, amais dunha xira de promoción polas principais salas da nosa terra.
NovaXove convoca ós internautas galegos para a nova edición do seu festival de música
Compartir Este Artigo
