
Councilbox, empresa tecnolóxica galega especializada no desenvolvemento de solucións para a dixitalización da relación entre cidadáns e organizacións, traballa desde 2021 como provedora tecnolóxica do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que emprega a súa tecnoloxía como base de EVID, o Escritorio Virtual de Inmediación Dixital.
A plataforma permite realizar en remoto diferentes tipos de actuacións xudiciais, integrando nun mesmo proceso identificación, documentación, videoconferencia, sinatura e xeración de evidencias.
Sobre esta experiencia, a compañía informou que está a ampliar a aplicación da súa tecnoloxía a outros ámbitos da Xustiza.
Así o fixeron saber os responsables de Councilbox na recente celebración do DataFórum Xustiza 2026, celebrado na Coruña, onde a empresa galega presentou solucións orientadas á dixitalización dos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC), modelos de atención para achegar os servizos de Xustiza á cidadanía e novas funcionalidades baseadas en intelixencia artificial.
Dixitalizar os mecanismos de resolución de conflitos

Un destes ámbitos é o dos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC), diferentes vías para intentar acadar unha solución extraxudicial a un conflito que adquiriron unha maior relevancia tras a entrada en vigor da Lei orgánica 1/2025 de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
Segundo explican dende Councilbox, “a súa dixitalización presenta unha dificultade particular: non todos estes procedementos seguen o mesmo percorrido”. Poden incluír reunións entre as partes, actuacións asíncronas, intercambio de documentación, propostas, acordos ou intentos sen acordo.
Councilbox presentou en DataFórum un modelo baseado en OVAC, a súa Oficina Virtual de Atención Cidadá, que permite configurar estes diferentes percorridos e xerar evidencias sobre as actuacións realizadas. A compañía traballa xa na aplicación deste modelo a un proceso de conciliación laboral.
Tecnoloxía para achegar a Xustiza á cidadanía
As Oficinas de Xustiza no Municipio (OXM) abren tamén novas posibilidades para achegar os servizos de Xustiza á cidadanía e evitar desprazamentos innecesarios.
Durante a celebración do DataFórum, a Generalitat de Catalunya presentou a experiencia desenvolvida en Oficinas de Xustiza no Municipio de Tarragona, onde se utiliza OVAC para conectar mediante videoconferencia os cidadáns con profesionais do Rexistro Civil. O persoal da propia oficina presta apoio presencial durante a xestión, combinando así a proximidade dunha oficina física coa atención remota do profesional competente.
“Este modelo”, informaron dende Councilbox, “permite prestar determinados servizos de Xustiza desde o propio municipio sen necesidade de dispoñer alí do profesional especializado nin obrigar o cidadán a desprazarse ata el”.
Intelixencia artificial aplicada aos procesos
A intelixencia artificial constitúe outra das liñas de evolución da tecnoloxía de Councilbox. A compañía está incorporando funcionalidades de IA orientadas a tarefas concretas dentro dos procesos de atención, como a tradución, a transcrición ou a xeración de resumos.
O obxectivo é utilizar estas ferramentas para simplificar procesos e reducir tarefas manuais, mantendo o control humano e a rastrexabilidade naquelas actuacións que poden producir efectos xurídicos.
Con estas novas liñas de traballo, Councilbox traslada a experiencia acumulada durante os últimos anos na dixitalización de actuacións xudiciais a novos procesos de relación entre a Xustiza, os seus profesionais e a cidadanía.
O DataForum na Coruña
O evento estatal DataFórum Xustiza celebrado na Coruña do 21 ao 23 de outubro de 2026 foi o maior congreso a nivel nacional sobre a transformación dixital, a cultura do dato e o humanismo no sector da Xustiza.
Organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, o congreso converteu á cidade (especificamente o recinto de PALEXCO e o centro Ágora) no epicentro do debate xurídico-tecnolóxico de España. Esta quinta edición reuniu a máis de 180 expertos internacionais e preto de 1.500 asistentes.
