A censura de calquera tipo non leva nunca a bo porto. O que prohibe ou limita escribir sobre determinados temas vai cravando sen sabelo os listóns da súa propia trampa. Que pasará se prohibimos escribir o termo “sexo” nos computadores do noso traballo e logo chega un día en que precisamos cumprida información relativa a esa palabra concreta? Máis ou menos isto é o que vén de pasar no Concello de Madrid, onde unha representante do PSOE quixo procurar información en Internet sobre unha campaña hispanoamericana encamiñada a achegar datos sobre relacións sexuais para a mocidade, atopando en troques diso a seguinte mensaxe: “A política de uso da súa organización restrinxe o acceso a esta web neste intre”.
Segundo informa estes días El Periódico, alguén no Concello de Madrid tivera previamente a idea de prohibir calquera tipo de busca en Internet que incluíse o termo tabú por excelencia e outras palabras relacionadas: “sexo”.
Así, finalmente, o que nun principio semella xurdir como unha táctica para impedir que os computadores pagados con cartos públicos sexan fonte de esparcemento para os traballadores coa libido máis subida, leva todo o camiño de converterse nunha lousa para todos os traballadores por igual, independentemente do seu interese por baixarse contidos pornográficos. A medida, tomada polo Partido Popular, xa foi criticada polos partidos da oposición. “O PP confunde sexo con perversión e os excesos de celo adoitan a acabar en excesos represivos”, comentou a concelleira afectada neste caso pola dita iniciativa, Ángeles Álvarez, voceira de Igualdade polo seu grupo político.
Porén, para o Goberno de Madrid deféndense sinalando que o único que se prohibe é a visita a webs encamiñadas ó lecer, sexan de tipo pornográfico ou de xogos e apostas, e non descarta que a concelleira visitara finalmente o/os sitio/os que non debía visitar.
O Concello de Madrid prohibe o termo “sexo” nos seus computadores
Compartir Este Artigo
