Dende que este que escribe ten uso (máis ou menos) de razón, o sector libreiro “vive” no medio dunha crise. Os motivos son moitos e variados, pero se cadra o principal (e tamén o máis obvio) de todos eles pode ser este: hai xente á que non lle gusta ler e xa está. Agora, nos tempos da era dixital, semella que deberíamos engadir outro xermolo de pesadelo para o sector: o das copias piratas na Rede. Porén, as augas do sector fican en calma. Polo menos, así nolo fai saber Juan Mollá, presidente do Centro Español de Dereitos Reprograficos (CEDRO) nunha entrevista a El Periódico: “O libro é un produto que vai alén cás películas ou os discos”. É dicir: que cando mercamos un libro non mercamos unicamente un frío obxecto industrial que non transmite gran cousa (como podería ser un CD, co que é, digámolo ben claro, moi difícil encariñarse), senón “algo de tacto agradable que tocar e co que gozar”, sinala.
A xuízo da industria do libro, o fenómeno da distribución masiva (e anticipada á saída á venda oficial) na Rede de traducións ilegais da última entrega de Harry Potter non é máis ca un fenómeno puntual.
Víctor Domingo, presidente da Asociación de Internautas, adopta un punto de vista moi semellante. Ó seu xuízo, está claro que as dúas opcións para a lectura que ofrece a Rede non son cen por cen satisfactorias para os lectores asiduos: nin a lectura en pantalla (que é unha tarefa pesada abonda e que esgota a paciencia de calquera) nin a lectura do documento finalmente impreso. Na súa opinión, o caso das copias de Harry Potter responde só á arela dos fans por saber que acontece no final da saga, e nada máis.
Nunha conferencia recente do escritor Lorenzo Silva en Compostela, este amosouse á vez esperanzado e escéptico no que atinxe ás consecuencias de Internet na lectura. Por unha banda, manifestou o seu convencemento nunha Rede creadora de escritores, como unha escola ou palestra de novos literatos, ata o de agora noveis en boa medida debido ás dificultades para difundir á súa obra. Neste senso, o fenómeno dos blogs ben podería ser un exemplo disto. Porén, Silva argumentou que a Rede é un elemento moi dubidoso de creación de lectores. Esta visión da Rede como un instrumento con luces e sombras, que ilusiona pero que á vez preocupa, repetiuse no seu punto de vista sobre o futuro da literatura entre a mocidade: “Na creación literaria prevalecía ata o de agora a idea de que os lectores estaban cinguidos ó obxecto literario por excelencia, o libro. Hai anos confiábamos a cegas nas palabras do oráculo, Bill Gates, quen dixo que os libros serían sempre de papel. Eu creo que para moitos lectores o libro en si mesmo é unha referencia preferible e preferida, pero xa non estou tan seguro de que iso pase nas novas xeracións”, manifestou.
A industria do libro quítalle ferro ó fenómeno das copias en liña de Harry Potter
Compartir Este Artigo
