Coa Semana da Ciencia 2007 collendo corpo e co programa de divulgación Diverciencia en activo (entre outras medidas), a Consellería de Innovación quere seguir acurtando a distancia que separa ós laboratorios e ós centros investigadores do resto da sociedade. Esta, amais do apoio á comunidade científica galega en si mesma, é a base da convocatoria que vén de aparecer no Diario Oficial de Galicia de hoxe luns13 de agosto e na que se anuncia unha nova liña de subvencións para actividades de difusión e comunicación científica e tecnolóxica.
Estas subvencións, que inclúen un orzamento de case 900.000 euros, están dirixidas a entidades, públicas ou privadas, “con capacidade e actividade demostrada na realización de proxectos ou actuacións relacionados coa investigación científica, o desenvolvemento tecnolóxico, a difusión, a divulgación ou a comunicación da cultura científica”, sinala a Consellería.
Un dos puntos máis salientables destas medidas vén dado polo seu interese de crear innovación no acto mesmo de comunicar temáticas innovadoras. Ou sexa, que o que se quere evitar é adoptar o mesmo “traxe” para contidos de agora, moitos deles nunca antes tratados, precisamente por seren anovadores. É dicir: o esquema de comunicador especializado achegando contidos nun relatorio ó que decote só acceden outros comunicadores con sobrados coñecementos ten os seus días contados. “O obxectivo é subvencionar actividades con carácter lúdico e evitar os formatos tradicionais”, sinala a Consellería. E prosegue: “Por elo quedan expresamente excluídas actuacións como conferencias, charlas e todas aquelas actuacións dirixidas a un público especializado”. As actividades realizadas no marco desta convocatoria que se desenvolvan entre o 5 e o 18 de novembro poderán optar a encadrarse na celebración da Semana da Ciencia 2007.
Convocadas no DOG axudas para a comunicación tecnolóxica por valor de case 900.000 euros
Compartir Este Artigo
